Solbes defende as portas xiratorias: "Se non existen é unha desgraza"
O ex ministro admite que non foron capaces de detectar a crise. "Equivocámonos totalmente", asume.
"Equivocámonos totalmente", recoñece.
O ministro de Economía e Facenda entre 2004 e 2009, Pedro Solbes, defendeu a existencia das portas xiratorias en política, sempre que se definan "moi ben" as condicións de entrada e de saída, tanto en tempos como en incompatibilidades, pois, na súa opinión, son "a única forma" de conseguir xente "válida".
"As portas xiratorias existirán sempre e se non existen é unha desgraza que a política só poida contar con políticos profesionais que non poidan entrar e saír", espetou o ex ministro durante a súa intervención na comisión parlamentaria que investiga a crise financeira, a quebra das caixas de aforro e o rescate financeiro.
PREFERENTES: "UNHA BOA IDEA"
Pedro Solbes tamén cualificou as preferentes como unha idea "boa" que poderían ser un instrumento "útil". "A práctica foi un desastre", aclarou, explicando as utilidades que atopaba nas preferentes ante as dificultades de financiamento das caixas de aforro por non poder capitalizarse.
"Se hai algo que se debe vender con coidado, a investidores definidos, é algo como as preferentes", aseverou o ex vicepresidente, que considera que un instrumento de tal complexidade "non se pode vender de xeito normal".
FALTOU VALENTÍA
O que foi vicepresidente económico dos gobernos de Zapatero manifestou que ao Goberno lle faltou valentía para acumular superávit antes da crise e reformar a gobernanza das caixas de aforros antes do estalido da crise.
En todo caso, Solbes puxo en dúbida que esta última reforma "fose posible visto o momento político", aludindo durante a súa intervención á minoría parlamentaria na que se atopaba o PSOE e que "non existían problemas de solvencia", dixo o exvicepresidente.
"EQUIVOCÁMONOS TOTALMENTE"
Durante a súa intervención, Solbes tamén admitiu "claros erros de previsión en termos macroeconómicos" e tamén á hora de detectar a chegada dunha segunda recesión e a súa magnitude. "Non fomos capaces de detectar a forte recesión", dixo, lembrando que aínda que o Goberno previu unha contracción do PIB do 2% en 2009, a caída alcanzou o 3,6%.
Así mesmo, sinalou que en 2010 o Executivo de Zapatero confiaba en "volver á normalidade" e recuperar o crecemento, algo que "tampouco sucedeu". "Coa segunda recesión equivocámonos totalmente", aseverou.
CRÍTICAS AO LADRILLO
Pedro Solbes defendeu que "a limitación á metade da axuda para a compra de vivenda ou as miñas criticas públicas sobre vivendas inciadas ou o inadecuado das hipotecas a 40 anos caeron en saco roto".
Na súa opinión, en 2004, cando se iniciaron 800.000 vivendas fronte a unha necesidade estimada de 450.000, a construción só quería "que a festa non rematase".
REPROCHES A ZAPATERO
O ex vicepresidente económico criticou, ademais, que Zapatero se apoiase "excesivamente" nos sindicatos á hora de emprender reformas sociais e laborais: "Evitariamos problemas posteriores", dixo.
Noutro momento da súa comparecencia Solbes criticou que "as reformas laborais se deixaron excesivamente en mans dos axentes sociais". Este foi un dos puntos de desacordo con Zapatero e non foi ata 2010 cando o Goberno socialista emprendeu unha reforma laboral, un ano despois da saída de Solbes do Goberno.
Escribe o teu comentario