O Estado vende un 7% de Bankia moi por baixo do que pagou no rescate
O FROB aínda posúe un 60% da entidade, que hoxe só vale entre un cuarto e a metade do que pagamos entre todos.
O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (Frob) vendeu o 7% de Bankia por un importe total de 818,30 millóns de euros, a razón de 4,06 euros por título, co que sitúa a súa participación indirecta no 60,63%.
En concreto, o Frob, que posúe a participación en Bankia a través de BFA, realizou esta operación a través dunha colocación privada entre investidores cualificados dun paquete de 201,55 millóns de accións, que levaron a cabo os bancos de investimento UBS, Deutsche Bank e Morgan Stanley.
O rescate ascendeu a 22.429 millóns segundo os informes do Banco de España, pero os peritos que investigan a saída a Bolsa da entidade sosteñen que son de polo menos 46.000 millóns.
Por tanto, extrapolando o valor desta participación vendida, Bankia non valería nestes momentos nin 11.700 millóns, que supón entre unha cuarta parte e a metade do que pagamos entre todos. O rescate está máis lonxe aínda de ser recuperable.
Escribe o teu comentario