A Seguridade Social necesita outro préstamo para pagar as pensións deste ano
O Tesouro terá que pedir outros 15.000 millóns. O Goberno defende que "non ten impacto no déficit".
No peto das pensións quedan uns 8.000 millóns.
O Tesouro Público ten previsto realizar este ano outro préstamo de 15.000 millóns de euros á Seguridade Social para sufragar as pensións públicas, o que supón 5.000 millóns de euros máis que o crédito de 10.192 millóns de euros que xa achegou o exercicio pasado ao sistema.
Así o confirmou este luns a secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira, Emma Navarro, na rolda de prensa para presentar a Estratexia de Financiamento do Tesouro para 2018, na que anunciou que a pesar do préstamo, o Tesouro realizará unha emisión neta de 40.000 millóns de euros, 5.000 millóns menos que o ano pasado.
Navarro indicou que aínda que as necesidades da Seguridade Social se reducirá este ano, o ano pasado recorreuse ao Fondo de Reserva da Seguridade Social para financiar parte das necesidades por importe de 7.000 millóns, polo que os recursos do chamado 'peto' das pensións son inferiores.
Nestes momentos, o Fondo de Reserva conta con 8.095 millóns tras as últimas disposicións realizadas polo Goberno, fronte aos 66.815 millóns cos que chegou a contar no ano 2011.
En calquera caso, reiterou que as pensións están "garantidas" pola totalidade dos recursos públicos e que o Tesouro tamén garante as pensións a través deste préstamo, que "non ten impacto nin no déficit nin no cociente de débeda pública".
Escribe o teu comentario