Ramón Villares lamenta que a disputa por Meirás "mantén viva a figura de Franco"
O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega reclama a titularidade pública.
O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, súmase ás voces que reclaman que a propiedade do pazo de Meirás debe pasar a mans públicas, aínda que lamenta que a disputa pola súa propiedade "mantén viva a propia figura de Franco".
Nunha entrevista coa Cadena SER, Villares apuntou que a algúns lles interesa avivar a polémica para evitar que o ditador sexa definitivamente historia.
"Eu creo que hai moitísimas razóns para seguir impugnando esa utilización do pazo de Meirás, de todos os xeitos creo isto tamén o que fai é algo que non está nos obxectivos, pero que ten consecuencias, que tanta insistencia na familia, en Franco... No fondo o que está é mantendo viva a propia figura do ditador, é dicir, non acaba de ser historia", reflexiona.
Por outra banda, Villares referiuse á situación do galego para sinalar que "é contraditorio", pero aqueles que "falan máis o galego son aqueles que non o estudaron". "E quen o fala menos son aqueles que o estudaron moito, pero non o aprenderon", agrega.
Escribe o teu comentario