Un detido por distribuír 20.000 botellas de champaña francesa falsa
Conseguiu enganar a grandes superficies e establecementos 'gourmet' da Coruña, Málaga e Ourense.
Falseaba a Denominación de Orixe.
A Policía Nacional detivo na Coruña a un home como responsable da empresa que comercializaba e distribuída botellas de champaña francesa falsa en grandes superficies e establecementos gourmet da Coruña, Málaga e Ourense.
En concreto, tras unha investigación que comezou por mor da denuncia interposta por Le Comité Interprofessionnel du vin de Champagne (CIVC), os axentes interviñeron preto de 20.000 botellas que presuntamente vulneraban os dereitos de propiedade industrial da Denominación de Orixe Champagne.
O organismo detectou a chegada e venda masiva de botellas en cuxas etiquetas figuraba a Denominación de Orixe Champagne. As análises realizadas sobre o seu contido indicaban que vulneraba a dita denominación.
As investigacións permitiron localizar unha partida de máis de 10.000 botellas de diferentes tipos que foron intervidas tras comprobar a súa falsidade e que estaban preparadas para a súa venda en establecementos comerciais. Segundo a Policía, estes descoñecían a falsidade do que adquiriran para a súa venda.
A través da documentación obtida, os investigadores identificaron a empresa provedora da suposta champaña, situada nun polígono industrial da Coruña, o que lles levou a atopar preto de 10.000 botellas máis que ían ser vendidas en Málaga, Ourense e A Coruña.
Escribe o teu comentario