O persoal de mantemento do Cunqueiro desconvoca a folga
Os traballadores da concesionaria logran un preacordo sobre o seu convenio que equipara condicións co Sergas.
O persoal da concesionaria do servizo de mantemento do Hospital Álvaro Cunqueiro, Veolia, desconvocou a folga indefinida que tiña previsto iniciar o próximo 26 de decembro, despois de chegar a un acordo sobre o convenio para incluír a ultraactividade e igualar as súas condicións ás dos traballadores do Sergas.
Segundo informou a CIG, a representación sindical e a empresa chegaron a un preacordo este xoves, tras o que se celebrou unha asemblea de traballadores, que ratificaron --con 50 votos a favor e cinco abstencións-- que queda desconvocada a folga, que contaba co apoio dos sindicatos do comité CIG, CC.OO. e UTI, mentres que UXT se desmarcou.
A falta das últimas reunións para rematar o convenio, acordouse incorporar a cláusula de ultraactividade, para poder manter as condicións laborais ao termo da vixencia do convenio e mentres non haxa un novo.
Ademais, equipáranse as condicións do persoal coa do Sergas en materia de xornada, salarios, categorías, baixas e excedencias.
Escribe o teu comentario