Detido tras causar desfeitas en Urxencias e ameazar ao persoal do Cunqueiro
Os feitos tiveron lugar na madrugada deste xoves, cando o home chegou en ambulancia ao hospital, para ser atendido por lesións no transcurso dunha pelexa.
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 49 anos de idade, C O M, natural de Romanía, tras causar desfeitas no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e ameazar ao persoal do centro.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na madrugada deste xoves, cando o home chegou en ambulancia ao hospital, para ser atendido por uns cortes nas mans e dores nas costas, producidos no transcurso dunha pelexa.
Cando chegou a Urxencias comezou a causar graves problemas, como fumar dentro do hospital, abrir as portas das salas e zonas de traballo, romper unha boca de incendios, ameazar aos vixiantes e agredir a un deles. Finalmente, o persoal de seguridade logrou reducilo e retelo ata que chegou a Policía, que procedeu á súa detención.
Escribe o teu comentario