A ampliación do horario de hemodinámica en Lugo, pendente dos expertos
O PSdeG acusa á Xunta de esconder datos de infartos na provincia que apuntan á necesidade de implantar o servizo as 24 horas.
A deputada socialista Concepción Burgo acusou ao goberno galego de "esconder deliberadamente" os datos do Rexistro Galego do Infarto por provincias que "explican a urxencia de implantar o servizo de Hemodinámica 24 horas no Hospital Lucus Augusti".
A parlamentaria luguesa presentou unha pregunta oral en Comisión na que reivindicou este servizo comprometido por Feijóo en 2011 e que funciona unicamente "en horario de oficina".
Burgo anunciou unha petición formal desde a Cámara lexislativa para que o goberno galego entregue estes datos, despois de que a Xunta tan só fixera público o primeiro informe, en marzo de 2016, e non os 3 posteriores. Aqueles datos, lembra, indicaban uns tempos de espera para anxioplastia de 3 horas, cando os cardiólogos recomendan 90 minutos.
Preguntou “cantos mortos teñen que ter Lugo e Ourense para que reciban os mesmos servizos que o resto” e acusou ao Executivo de “non ter intención de poñer o servizo no Hospital Lucus Augusti a pesar das recomendacións da Sociedade Española de Cardioloxía”.
.EXPERTOS
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, asegurou este mércores que os pacientes de hemodinámica en Lugo contan cunha "boa asistencia" que a Xunta se exporá ampliar o horario deste servizo no Hospital Lucus Augusti se así o determinan os expertos.
En resposta, Aboal lembrou que hai unha comisión de control e seguimento desta asistencia, formada por profesionais e expertos, que se reúne trimestralmente e realiza un informe semestral sobre a materia.
Aboal garantiu que a decisión de horarios con respecto a hemodinámica en Lugo "non é unha cuestión económica", senon "unha cuestión de mellora da asistencia baseada en criterios técnicos", un "consenso científico que marca un indicador de calidade"
"Eles analizan os datos e fannos as recomendacións. Se eles fan a recomendación de ampliar a cobertura horaria ou algunha outra indicación, así o faremos", explicou, en relación á comisión de seguimento.
Escribe o teu comentario