Martiño Noriega compromete o apoio a todo o sector do libro galego
Santiago volverá acoller a celebración da Gala do Libro Galego, "o momento de mostrar o potencial e o traballo feito".
Encontro na Alcaldía. Foto: Concello de Santiago
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantivo unha reunión con representantes da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega de Editoras. Foi para abordar a celebración da Gala do Libro Galego 2018, para a que Noriega brindou novamente a colaboración do Concello.
A terceira edición do evento terá lugar en maio, no Teatro Principal. O alcalde expresou o respaldo do Concello de Santiago a esta gala, que "naceu hai tres anos unificando a todo o sector do libro, e prestixiándoo".
Este ano, o peso da organización recaerá na Federación de Librarías de Galicia. A súa presidenta, Pilar Rodríguez, agradeceu o apoio do Concello porque "sen o respaldo institucional sería imposible organizar a Gala do Libro".
Tamén fixo un chamamento á participación dos veciños na festa, "na que queremos implicar á cidadanía, co obxectivo de que algún día mesmo poidamos encher o Auditorio de Galicia nun gran evento cultural".
Na reunión tamén participou o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, que quixo poñer en valor "a unión demostrada por escritores e escritoras, librerías e editoras, que ata fai tres anos viñan realizando as súas propias galas de maneira individual". Esta unión "debe servir de exemplo para as administracións, e animalas a apoiar de maneira unánime o sector do libro", dixo.
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o seu presidente, Cesáreo Sánchez, explicou que a Gala do Libro "é a gran festa do sector, o momento no que se pode mostrar o seu potencial e o traballo feito ao longo de todo o ano".
Escribe o teu comentario