A Xunta non responde desde setembro aos informes sobre a canteira de Miramontes
O Concello reclama a creación dunha comisión de seguimento sobre as "importantes deficiencias" detectadas.
Xan Duro, nunha rolda de prensa. Foto: Concello de Santiago
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia de Santiago de Compostela, Xan Duro, compareceu en rolda de prensa para reclamar a creación dunha comisión de seguimento sobre a canteira de Miramontes, da que formen parte a Xunta, o Concello, a veciñanza e a empresa explotadora das instalacións.
A maiores, o edil adiantou que o alcalde ten solicitada unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para abordar a problemática ambiental do complexo "ante a falta de respostas por parte da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ás comunicacións formuladas desde o pasado mes de setembro".
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o Concello lle remitiu á Dirección Xeral de Calidade Ambiental os dous informes encargados polo Goberno sobre a situación de Miramontes. Xan Duro relatou que non houbo respostas e denunciou "que o departamento autonómico tampouco respondeu as solicitudes de información formuladas polos autores do informe externo encargado polo executivo municipal, tal e como eles fan constar no documento".
O edil explicou que ese informe externo recomenda a creación dunha comisión de seguimento "que os veciños da parroquia de Grixoa considera tamén moi necesaria".
DEFICIENCIAS AMBIENTAIS
Os dous informes encargados polo Goberno, un asinado por técnicos municipais e o outro por tres enxeñeiros externos, coincide nas afectacións ambientais da canteira de Miramontes.
.O informe externo, máis completo e actualizado, fala de importantes deficiencias como "os malos cheiros provenientes do depósito da canteira, pero tamén do tráfico de camións, a superpoboación de gaivotas, a ausencia dun peche perimetral nas instalacións e o arrastre de lixiviados cara ao exterior"
Xan Duro explicou que o propio informe propón algunhas medidas para adoptar para paliar as deficiencias. En canto aos cheiros, "o primeiro debe ser realizar un estudo olfatométrico rigoroso, que permita definir as actuacións necesarias para eliminar as molestias aos veciños".
Tamén se aposta pola implantación dunha barreira vexetal nas instalacións, a desgasificación activa do vertedoiro e o control da poboación de gaivotas. O informe dos expertos sinala que tamén é preciso que "o almacenamento dos residuos se realice nunha zona impermeable e cuberta, e non a ceo aberto coma na actualidade".
Escribe o teu comentario