A Cidade da Xustiza estará lista en pouco máis de dous anos
Fiscalía e TSXG celebran o "salto cualitativo" que supoñerán as novas instalacións, que paliarán "graves carencias" actuais.
Autoridades xudiciais ven este proxecto como "moi agardado".
Núñez Feijóo presentou este luns o proxecto definitivo da futura Cidade da Xustiza de Vigo, e valorouno como exemplo da "política do entendemento, que permite avanzar xuntos".
Nun acto celebrado na cidade olívica, con presenza dos responsables do Tribunal Superior de Xustiza, da Fiscalía Superior de Galicia, e da xudicatura viguesa, ademais de representantes do Concello e de colectivos veciñais, o titular do Executivo galego referiuse a este proxecto como "a maior aposta" feita nunca por un goberno da Xunta con respecto a infraestruturas xudiciais en Vigo.
O presidente galego proclamou que a colaboración institucional "é o camiño a seguir", e sinalou que, "cando as administracións se enrocan no 'non', e optan por darlle as costas a todos os consensos, os prexudicados son sempre os cidadáns".
PROXECTO
Con respecto ao proxecto da nova Cidade da Xustiza, Núñez Feijóo lembrou que as novas instalacións estarán listas entre finais de 2019 e principios de 2020, e que contarán 36.000 metros cadrados, ademais dunha praza pública e un aparcadoiro.
O mandatario galego destacou que este proxecto, cun investimento de case 30 millóns de euros, está a desenvolverse ao redor de tres "valores": a "axilidade" na súa tramitación e construción; a "sustentabilidade ambiental", que permitirá revalorizar parte dos cascallos e lograr un retorno duns 800.000 euros; e a "flexibilidade", porque permitirá o crecemento de unidades xudiciais, das actuais 35 ata as 57.
"SALTO CUALITATIVO"
Pola súa banda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Miguel Ángel Cadenas, destacou que as institucións xudiciais non só necesitan recursos técnicos e humanos, senón tamén "sedes adecuadas", polo que celebrou a construción da nova Cidade da Xustiza de Vigo, que supoñerá un "salto cualitativo".
Na mesma liña, o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, proclamou que este proxecto é "moi agardado" e "reiteradamente demandado", para dar solución ás "graves carencias de espazo e medios" do partido xudicial vigués.
Escribe o teu comentario