Deteñen a un terceiro novo por agredir a outro que tiña a bandeira española en Instagram
A agresión produciuse a mediados de setembro e naquel momento a policía detivo a dous mozos antifascistas.
Axentes da Policía Nacional detiveron en Ourense ao terceiro home como presunto autor dun delito de odio e lesións motivado por ideoloxías independentistas e de extrema esquerda, o cal acompañaba aos outros dous homes detidos o pasado 28 de setembro por darlle unha malleira a un mozo na Praza das Mercedes.
Segundo informou a Policía, os feitos que motivan a detención sucederon o 17 setembro cando un mozo presentou denuncia por unha agresión sufrida na Praza das Mercedes sobre as 5,30 horas.
A vítima relatou á Policía Nacional que mentres se atopaba acompañado dun amigo se lles achegou un individuo encapuchado e agrediuno con puñadas. Posteriormente achegouse outro individuo que lle propinou tamén puñadas na cara e un terceiro que, mentres o agredía, díxolle que era "un facha de merda, que non valía para nada e similares", relata a Policía. Ademais, afirmaron "que o andaban buscando desde había tempo, que tiña a bandeira de España no seu perfil de Instagram e iso era polo que lle pegaban".
INVESTIGACIÓN
Axentes de policía da Brigada de Información da Comisaría Provincial de Ourense iniciaron unha investigación para esclarecer as circunstancias concorrentes no momento da agresión relativas a expresións ou comentarios de tipo vexatorio relativos á súa ideoloxía "en aras a discernir a motivación da agresión, dada a aparente gratuidade dos actos violentos", sinalan as mesmas fontes.
Así, procedeuse á identificación e posterior detención o 19 de setembro e o 20 do mesmo mes de dous dos membros dunha cuadrilla de ideoloxía antifascista, "novos activos nas redes sociais que aproveitan a noite e os lugares de lecer para buscar e agredir a mozos de ideoloxía contraria", concreta a Policía.
Os axentes continuaron a investigación ao redor da identificación do terceiro implicado, que foi detido o 21 de novembro por un delito de odio e lesións.
O terceiro detido é un mozo de 26 anos de idade, natural de Ourense e que carece de antecedentes anteriores. Quedou en liberdade en dependencias policiais.
Escribe o teu comentario