Aos sindicatos non lles dan as contas coas prazas da OPE do Sergas
Critican que a convocatoria "deixa fóra prazas moi necesarias para ofertar unha sanidade de calidade".
Sindicatos valoraron este martes a convocatoria de 1.616 prazas na Oferta Pública de Emprego ( OPE) de 2017 no Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero criticaron que "faltan prazas" por convocarse.
Así, tras presentarlles o Sergas a OPE 2017 na mesa sectorial, a responsable de CIG- Saúde, María Xosé Abuín, manifestou que "deberían saír 3.507 prazas", xa que na convocatoria de 1.616, a xuízo deste sindicato, non suman as vacantes de entre 2010 e 2017.
"Parécenos unha oferta insuficiente", afirma Abuín, que lamenta que a OPE 2017 "deixa fóra prazas moi necesarias para ofertar unha sanidade de calidade". Neste sentido, insiste en que a convocatoria presentada este martes "deixa fóra un número importante de prazas".
"FALTA PERSOAL SANITARIO"
Por parte de CCOO, Anxo Cameselle sinalou que valoran a oferta, pero consideran que "falta persoal sanitario por saír", polo que sostén que se non é este ano "ten que saír en 2018".
En concreto, sindicatos apuntan que falta por convocarse prazas en categorías como a de Fisioterapueta e de persoal non sanitario, como auxiliares de cociña e persoal de mantemento, entre outras.
Polo seu lado, Javier Martínez de UXT comentou que "hai categorías minoritarias que hai anos que non saen e segue sen saír" en OPE. Por iso, reivindica que "saian na seguinte" porque "hai que estabilizar a todo o mundo".
ATENCIÓN PRIMARIA E ENFERMEIRAS ESPECIALISTAS
O Servizo Galego de Saúde convocará 158 prazas de Médico de Familia de Atención Primaria e 690 de enfermeiro entre as 1.616 da Oferta Pública de Emprego 2017. Ademais, por primeira vez inclúense as categorías de enfermeiro especialista en Enfermería Pediátrica e en Enfermería Familiar e Comunitaria, con 4 e 10, respectivamente.
Así o explicou, na rolda de prensa de presentación da OPE 2017, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado, quen resaltou que "duplica a oferta de 818 prazas de 2016" e supón a "maior oferta de emprego do últimos cinco anos".
EVENTUALIDADE
A directora xeral de Recursos Humanos fixo fincapé en que pretenden estabilizar o cadro de persoal do Sergas para reducir a un 5% a eventualidade, previsión por baixo do obxectivo do 8% pedido polo Ministerio de Sanidade ás comunidades, apostilou.
Preguntada sobre críticas de sindicatos en relación ás taxas de reposición, Prado explicou que Galicia "esgota as taxas máximas, ofertando o máximo que a lexislación do Estado permite".
EXAMES
En canto ás datas que se barallan para a celebración dos exames da OPE 2017, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas comentou que se prevé que este mes de novembro se aprobe o decreto da convocatoria en Consello da Xunta.
Ademais, apuntou que se tentará coordinar cos outros servizos de saúde de España as datas dos exames. En concreto, sinalou "finais de 2018 ou primeiro trimestre de 2019" como posible marco temporal para as probas.
Escribe o teu comentario