O Sergas insiste no seu relato e nega que exista peche de camas cada verán
O BNG reprochalle á Xunta que "persista en ocultar e negar a realidade".
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, insistiu este mércores que "as camas hospitalarias non se pechan" e están o "100% dispoñibles", a pesar das numerosas críticas durante todo o verán de persoal sanitario e asociacións de pacientes.
Así o recalcou na Comisión de Sandiade en resposta a unha pregunta da deputada do BNG Montse Prado, quen reiterou as cuestións expostas en maio de 2017 en relación co peche de camas en período estival en Galicia.
Aboal volveu repetir a resposta dada naquela comisión ao asegurar que "as camas non se pechan, están todas ao 100% dispoñibles" e úsanse de acordo "coa demanda asistencial". "Mantéñense operativos os recursos adaptados á realidade", reiterou.
Ademais, o director xeral de Asistencia Sanitaria apuntou un aumento de 28.179 consultas no período estival. Sobre o verán insistiu en que se fai unha estimación de ocupación cunha marxe de ocupación real. Deste xeito, defendeu a programación deste ano porque "non sucedeu nada imprevisible".
Ademais, subliñou que a organización "non teñen como finalidade nin obxectivos económicos". "Non é o obxectivo o aforro", aseverou.
Fronte a iso, a deputada do BNG reprochou ao Goberno galego que "persista en ocultar e negar a realidade", á vez que cualificou de "relato novelado" as explicacións de Aboal en comisión parlamentaria. Así, lamentou que "descapitalicen a sanidade pública".
Escribe o teu comentario