Sanidade négase a admitir que o peche de camas causou problemas no verán
Insisten en que "o 100%" están dispoñibles "se son necesarias", desatendendo as denuncias de asociacións de pacientes.
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, asegurou que a ocupación das camas nos hospitais do Servizo Galego de Saúde durante o verán roldou o "75%" e insistiu en que "o 100%" están dispoñibles "se son necesarias".
Sanidade insiste en negar as queixas das asociacións de pacientes, que durante a época estival denunciaron colapsos en Urxencias derivados do peche de camas ou de plantas.
Así o destacou durante a súa comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta da deputada de En Marea, Eva Solla, quen se interesou pola situación dos hospitais galegos durante o verán.
Respecto diso, o director xeral de Asistencia Sanitaria explicou que un total de "24.337 profesionais" da sanidade pública gozaron das súas vacacións durante os tres meses do verán e que o "78%" deles, fixérono en "xullo ou agosto", "uns 18.982".
LISTA DE ESPERA NON ESTRUTURAL
Ademais, debullou distintos datos por áreas sanitarias que situaban a taxa de cobertura das substitucións en enfermería entre un "55 e un 85%". Así, por exemplo, destacou que en Santiago a taxa foi do "85%" e que en Pontevedra se situou no "58%".
Na comisión, Eva Solla volveu pedir á Xunta que faga públicos todos os datos relativos ao número de persoas incluídas na lista de espera non estrutural do Sergas.
Sobre esta cuestión, o director xeral limitouse a explicar que esta lista se sitúa no "16,6%" dos pacientes en espera que rexeitaron ser atendidos nun centro concertado ou nun do Sergas.
Escribe o teu comentario