Esixen a apertura "inmediata" da planta do Hospital do Salnés pechada no verán
O persoal explica que xa están a usar camas desa planta pola "ocupación elevada" de pacientes ingresados e en Urxencias, pero sen o reforzo de persoal que corresponde.
O Hospital do Salnés ten unha planta pechada.
A xunta de persoal da área sanitaria do Salnés presentou este venres a solicitude da apertura "inmediata" da terceira planta e o "reforzo" de persoal "en todos os servizos e categorías".
Esta petición está motivada polo aumento das urxencias durante o verán, "especialmente en datas sinaladas" --concretamente a Festa do Albariño, a Romaría Viquinga ou a Festa da auga--.
Segundo explicou o persoal sanitario nun comunicado, o verán supón un "aumento da presión" do servizo de urxencias do Hospital do Salnés, o que, "xunto ao peche da terceira planta", supón unha "reestruturación" no resto de servizos do centro.
E é que, de acordo ás súas cifras, no que vai de verán chegouse "nalgún momento" aos 165 pacientes atendidos, "cando a media anda polos 105".
A xunta do persoal denunciou que, nos últimos días, hai unha "ocupación elevada", tanto en urxencias como na primeira e segunda planta, "sendo necesario" baixar camas da planta pechada e tendo que asumir a "sobrecarga" de traballo que implica o aumento das camas.
Deste xeito, os sanitarios solicitan a apertura "inmediata" da terceira planta para poder ingresar desde urxencias os enfermos que o precisen, posto que a situación actual "xoga á ruleta rusa" cos pacientes e "abusa da boa vontade" dos traballadores.
Escribe o teu comentario