O Sergas dá de baixa a enfermeiras os venres e vólveas contratar os luns
O sindicato SATSE puxo este fraude en coñecemento da Inspección de Traballo, que está "a demorar en exceso" o informe sobre a EOXI de Vigo, critican.
O sindicato de Enfermería SATSE denuncia que o Sergas leva a cabo, a través das distintas EOXIS que xestionan as áreas sanitarias, unha posible fraude de lei cos contratos. Así o asegura o sindicato nun comunicado, no que destaca que a situación xa está denunciada ante "Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense, A Coruña e Lugo, con resultados favorables aos traballadores e con graves consecuencias para o Sergas, que tivo que recuperar as cotizacións que evitaron no seu día co tipo de contratos que viñan realizando".
SATSE denunciou que, nalgúns casos, os contratos por substitución das enfermeiras fanse "de luns a venres, dándoas de baixa os venres para volver contratalas os luns", tal e como explicou Carmen García Rivas, secretaria de SATSE en Galicia.
Nos informes emitidos nas tres provincias galegas citadas, "constátase que se produciron altas e baixas de curta duración" en casos nos que se substitúe "a mesma persoa e polo mesmo motivo, quedando sen tramitar a alta nos días festivos e fins de semana". Así, o sindicato tamén denuncia que as baixas se comunicaron "sen que existise unha causa, pois o substituído non se incorporara ao traballo".
Neste momento, só a Inspección de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra falta por emitir o seu informe sobre estas supostas fraudes. Por iso, desde SATSE reclaman que "non se demoren máis nun informe no que levan traballando xa varios meses" e que afecta á situación que se está vivindo na EOXI de Vigo, ao considerar que "tiveron tempo suficiente para presentar unha resolución".
Escribe o teu comentario