Noriega cre que a "maioría progresista" sacará adiante as contas

O goberno de Santiago confía en aprobar os orzamentos antes de final de ano, un "adianto" respecto de 2017.


|

Noriegaobradoiro


O goberno local de Santiago de Compostela confía en aprobar os orzamentos municipais para 2018 antes de que finalice este ano. Así o indicou este venres o rexedor compostelán, Martiño Noriega, que asegurou que as conversacións para lograr o apoio de PSOE e BNG ás contas son "positivas" tras mes e medio de contactos.


Deste xeito, Compostela Aberta espera ter lista a proposta dos orzamentos antes de que finalice este ano, o que supoñería un "adianto" respecto ao último exercicio, cando foron presentados con 2017 xa iniciado, un mes antes de ser aprobados en pleno co respaldo do BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP.


Este venres, Noriega sinalou que socialistas e nacionalistas son "os socios preferentes" para sacar adiante as contas do próximo ano e, por iso, desde mediados do pasado mes de outubro o goberno mantivo cinco reunións con estes grupos para lograr o seu apoio.


Así, segundo o primeiro edil, a próxima semana celebrarase un novo contacto no que está previsto que PSOE e BNG fagan as súas achegas a ser incluídas no borrador.


Neste sentido, Noriega cre que en Santiago existe unha "ampla maioría progresista" que debe ser reflectida nunha cuestión coma os orzamentos, que "vai máis aló dunha cuestión de goberno", xa que son un asunto "de cidade".


GRAO DE EXECUCIÓN


Nas conversacións de Compostela Aberta con PSOE e BNG estará sobre a mesa o grao de execución dos orzamentos municipais, unha das materias pendentes da cidade, que presenta un dos niveis máis baixos de Galicia en cumprimento do orzado ao peche do exercicio, como denunciou a oposición nunha sesión plenaria celebrada en outubro.


En relación a isto, Martiño Noriega expresou que, para elevar o grao de execución (ao peche de 2016 só se executou o 22 por cento do previsto), é necesario que as contas se aproben en pleno "canto antes".


relacionada Noriega recoñece que o tentaron para ser candidato á Xunta e que Villares conseguiu consenso
relacionada Noriega celebra o alcance da campaña contra a violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE