A opinión dos veciños, un piar do futuro turístico da capital
O concello de Santiago lanza enquisas para pulsar a "mirada colectiva" da cidadanía e os axentes implicados.
Oficina turística de Santiago. Foto: Concello de Santiago.
As persoas residentes en Santiago interesadas en colaborar na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo poden xa cubrir unha enquisa dispoñible en a páxina web do Concello. Tal e como informa o goberno local "a enquisa é unha das principais ferramentas deseñadas para recoller as múltiples opinións que hai na cidade sobre a situación do sector e o seu futuro".
Poderase cubrir ata o día 20 de novembro e distingue entre catro públicos cunha mirada distinta respecto do fenómeno turístico en Santiago: Cidadanía, sector do Aloxamento, sector da Restauración e sector do Comercio. Deste xeito, o obxectivo é recoller o máximo de opinións individuais para poder obter unha mirada colectiva sobre o turismo na cidade".
PARTICIPACIÓN DE EXPERTOS
A enquisa complementa outras ferramentas de recollida de información, nas que destacan dúas: a organización de seis mesas de traballo sobre temáticas específicas nas que participarán diferentes expertos coñecedores do sector e da cidade e unha ducia de entrevistas en profundidade a personalidades destacadas de diferentes ámbitos que poden achegar os seus coñecementos e experiencias. En conxunto, na elaboración do Plan estratéxico participarán máis de 60 expertos, tal e como informa o concello.
Desde Turismo de Santiago fíxase a validez deste novo Plan Estratéxico ata o ano 2022, porque se concibe como unha ferramenta para transformar o modelo turístico da cidade, adaptándoo aos tempos. O Plan ten en conta o Ano Santo 2021, pero "ten que transcendelo porque o sector turístico non pode funcionar só pendente dos anos santos, senón que ten que desenvolver un modelo sustentable no tempo e rendible para o conxunto da cidadanía", defenden.
Escribe o teu comentario