Unha taxa turística deixaría un millón de euros de beneficio cada ano
Un estudo estima que non afecta á cifra de visitantes e insta a explorar vías para que os turistas que non pernoitan tamén contribúan.
Luis Caramés e Marta Lois. Foto: Concello de Santiago
Un estudo realizado polo catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC) Luis Caramés apoia a implantación dunha taxa turística "moderada" en Compostela e estima que o retorno para as arcas municipais se situaría en torno ao millón de euros.
A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou este xoves as conclusións deste estudo xunto ao autor do informe, que será presentado en detalle na próxima reunión do Consello Municipal de Turismo.
Tras repasar as experiencias previas na contorna e a demanda en Santiago, Luis Caramés conclúe que sería adecuada a instauración dunha taxa turística na cidade que, a priori, non tería efecto negativo na cifra de visitantes e que supoñería un millón de euros de retorno para a cidade.
A simulación realizada, con diferentes prezos segundo categoría do establecemento en que se realice o aloxamento, decántase por unha "taxa moderada", dunha media de un euro por viaxeiro e noite. Con todo, o catedrático instou a explorar outro tipo de posibilidades para que tamén os excursionistas --aqueles que non pernoitan-- contribúan á taxa.
SEN REPERCUSIÓNS NEGATIVAS
Segundo os datos recollidos no estudo, a aplicación de taxas turísticas noutras cidades europeas indican que non teñen repercusións negativas no volume de turistas. De feito, Caramés apuntou que a cidade de Barcelona incrementou un 20 por cento as súas pernoitas desde a instauración da taxa turística.
O experto mencionou que este tipo de taxa, que reverte directamente na mellora da propia cidade, é habitual en diferentes puntos de Europa, como en Francia, onde conta con gran tradición histórica, como en Portugal, Alemaña ou Bélxica, así como en Italia, onde máis de cen localidades contan con taxa turística.
Entre os retos para este mecanismo, Caramés sinalou a necesidade de que sexa unha cifra "moderada" e "proporcionada" á época do ano e o tipo de aloxamento, así como os problemas que expoñen os "aloxamentos irregulares". "Con todo, isto non é un problema da taxa, se non da falta de regulación destes establecementos", apuntou.
MASIFICACIÓN
Marta Lois lembrou que Santiago está a vivir un "gran crecemento turístico" que se espera que continúe de forma "importante" ata 2021, o que fai necesario poñer en marcha medidas que permitan facelo "compatible cos usos locais da cidade", ordenalo e evitar "a masificación da Catedral e das súas prazas".
Na mesma liña, Luis Caramés reclamou unha atención "prioritaria" ás políticas de mobilidade e a que os usos turísticos poidan "mesturarse" cos cotiáns, de modo que a experiencia turística sexa mellor tanto para o visitante como para o residente.
O Concello de Santiago, garantiu Marta Lois, mantén "aberto o debate" sobre a necesidade de implantar unha taxa turística, algo ao que confía en que contribúa este estudo "documentado e serio".
Escribe o teu comentario