A Xunta avoga por non deixar de pescar sardiñas, senón reducir as capturas
Rosa Quintana cre que "é difícil que o sector aguante" se se pecha o caladoiro para garantir o futuro da especie.
O futuro da sardiña, en perigo.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou que a aposta da Xunta pasa por non pechar a actividade extractiva de sardiña para favorecer a supervivencia do sector, aínda que as capturas deben de facerse dunha forma "menor" para garantir a repoboación desta especie.
Deste xeito, a conselleira cre que se se pecha o caladoiro de sardiñas "é difícil que o sector aguante", polo que é partidaria de manter a actividade extractiva "aberta" pero cunha redución nas capturas.
A posibilidade de pechar os caladoiros ata o ano 2024 para garantir o futuro da especie estaba sobre a mesa, aínda que foi descartada o pasado xoves polo secretario xeral de Pesca, Alberto López-Asenjo.
Para Quintana, "vale a pena esperar", decretar un descenso no número das capturas e que a especie se recupere "tres anos máis tarde".
Ademais, asegurou que existen "recursos" de sardiña a pesar de que "non teñen a abundancia doutros momentos".
Os gobernos de España e Portugal mantiveron unha reunión o pasado venres para estudar medidas, que pasan por "seguir facendo extraccións de sardiña" nunha cantidade menor para os próximos anos.
Ademais, o sector, segundo informou a titular de Mar, creou un grupo de traballo que "está a elaborar un plan de xestión que permita establecer vedas e cotas" en colaboración con "técnicos e científicos".
Escribe o teu comentario