'Oasis Monte Alto', un proxecto colaborativo "para revitalizar o barrio"
O Co-Lab presenta esta fin de semana a iniciativa que busca mellorar o contorna e tamén as relacións do barrio.
A Concellería de Participación e Innovación Democrática, no marco do Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, presenta esta fin de semana a proposta Oasis Monte Alto, un dos proxectos de innovación social que desenvolverá este ano e que ten como obxectivo, segundo sinala a concelleira Claudia Delso, "mellorar a contorna e as relacións do barrio a través dos propios talentos e recursos locais".
"Oasis Monte Alto emprega no seu proxecto o Xogo Oasis, unha ferramenta de mobilización comunitaria creada polo Instituto Elos en Brasil e implementada centos de veces en máis de 30 países por todo o mundo, pola cal un grupo de 20 persoas xogadoras farán de nexo entre o proceso participativo e o resto do barrio que permitirá mobilizar a comunidade para recoñecer o potencial que existe no barrio, e así, xuntos e xuntas soñar, deseñar e poñer en marcha iniciativas colaborativas que revitalicen a zona", explica a edil.
Coa finalidade de dar a coñecer entre os veciños esta proposta, o Co-Lab organizou para este domingo unha sesión de presentación con habitantes do barrio, comerciantes, colectivos sociais, líderes de opinión, artistas, estudantes está aberto aos veciños.
"O obxectivo deste encontro é que persoas de calquera idade e orixe se acheguen a coñecer o proxecto e comprendan mellor en que consiste e como se pode participar nel", incide a concelleira.
Durante dúas fins de semana do mes de novembro, do 10 ao 12, e do 24 ao 26, o equipo promotor de Oasis Monte Alto convidará os veciños do barrio para "identificar e construír un soño común". Os eventos serán espazos abertos para persoas de todas as idades e orixes, "onde se compartirá e construirá comunidade".
Escribe o teu comentario