As reaccións dos políticos galegos á situación en Cataluña
A declaración de independencia en Cataluña e a aplicación do artigo 155 sobre as institucións foron recibidas con distintas posicións por parte dos políticos galegos.
A declaración de independencia en Cataluña e a aplicación do artigo 155 sobre as institucións foron recibidas con distintas posicións por parte dos políticos galegos.
Feijóo advertiu que os gobernos "fóra da lei" como o caso do da Generalitat "non poden seguir gobernando". O presidente galego avogou, por tanto, por deixar actuar ao Executivo central "como vén actuando sempre, con responsabilidade, con proporcionalidade, e sabendo que estamos nun momento histórico".
Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, tamén expresou a súa "preocupación" pola situación de Cataluña e porque "se vulneraron os dereitos parlamentarios". Así, proclamou que esa situación levou á actual aplicación do artigo 155 da Constitución: "Non temos outra saída".
"GRAVE ERRO"
O portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou "un grave erro democrático" a decisión do Goberno español de aplicar o artigo 155 "para suprimir o autogoberno" e "fulminar os lexítimos representantes" do pobo catalán.
Villares cre que é o momento de deter esta situación e recoñecer a lexitimidade do Parlament como interlocutores para resolver o conflito e lograr "unha solución pacífica".
Neste sentido, sinalou que se debe iniciar un proceso constituínte no que se respecte "o dereito decidir", pero de modo "pactado", solicitando a "suspensión inmediata" das medidas acordadas e o inicio dun diálogo entre todas as partes, que desemboque nun referendo acordado "con todas as garantías".
"LEXITIMIDADE DEMOCRÁTICA"
A Executiva Nacional do BNG recoñeceu "a lexitimidade democrática" da proclamación da República Catalá "seguindo o mandato popular" do referendo do pasado 1 de outubro.
Nun comunicado, a formación rexeitou a aplicación do artigo 155 da Constitución e a "decisión de intervir o goberno catalán", que é "un profundo erro, sen precedentes e con gravísimas consecuencias no presente e no futuro".
En concreto, advirten de que esta medida avanza nunha "situación de involución democrática" que non só afecta o recoñecemento nacional de Cataluña, Euskadi e Galicia e ao dereito á autodeterminación, senón cara a "un retroceso e recentralización" e "perda de dereitos e liberdades básicas", como a liberdade de expresión, de reunión ou manifestación.
Por iso, o BNG cre que Galicia, á súa vez, "necesita da superación" do actual marco político "para a súa supervivencia política e material", á vez que o Estado español "debe recoñecer a vontade maioritaria do pobo catalán" e os dereitos "inherentes ao resto de nacións sen estado".
"Desde o Bloque Nacionalista Galego seguiremos traballando para que Galicia acabe conquistando a plena capacidade de decidir exercendo a súa soberanía como nación", conclúe.
Escribe o teu comentario