Vigo aproba reclamar á Xunta "a xestión e competencias sobre as illas Cíes"
Acusan o Executivo de Feijóo de non ser rigorosos no arquipélago e alertan do dano polo conflito coas navieiras.
O pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este mércores, cos únicos votos favorables do goberno socialista, instar á Xunta a "adoptar as medidas precisas para transferir ou delegar, ou cooperar co Concello de Vigo na xestión e competencias sobre as illas Cíes".
A concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu esta moción na que se denunciou a "inacción" da Xunta no arquipélago ao non exercer o control sobre as navieiras e permitir, como ocorreu este pasado verán, a sobrevenda de billetes para viaxar ás illas.
A edila socialista recoñeceu que o Goberno galego abiru expedientes, impuxo sancións e acudiu á Fiscalía, pero concluíu que "non exerce de forma rigorosa as súas competencias", o que levou ao Concello a expor esta moción.
Segundo advertiu, o "dano" provocado por esa sobrevenda "coñecida" pola Xunta "pode ser irreparable", e insistiu en que o goberno local quere "cooperar na xestión", non do Parque Nacional, senón só das Cíes, "e se é posible, que se transfiran as competencias".
Pola súa banda, Marea de Vigo, que volveu reclamar a aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión de Illas Atlánticas, advertiu de que ese traspaso de competencias pode ser "temerario", xa que a xestión das Cíes require de investimento, e "ningún concello" xestiona ningún Parque Nacional.
Mentres, o concelleiro do PP, Diego Gago, foi máis aló, e advertiu ao goberno local vigués de que a súa proposta, ademais de "irresponsable" e "absurda", é "ilegal", porque a propia lei establece as competencias de xestión.
Escribe o teu comentario