A capital acolle unhas xornadas de traballo do proxecto europeo 'Smarter Together'
Está a centrarse sobre todo na procura de medidas de eficiencia enerxética para a redución de emisións contaminantes.
Os representantes do Goberno local. Foto: Concello de Santiago
O alcalde, Martiño Noriega, inaugurou este mércores as xornadas de traballo do proxecto europeo Smarter Together que se celebran na capital galega. No encontro, que se está desenvolvendo no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Belvís, participan representantes de Lyon, Munich e Viena, as cidades "faro" do programa; e tamén das chamadas "cidades seguidoras": Sofía, Venecia e Santiago. Ademais, ao encontro acudiron como convidados representantes do Concello de Barcelona e do EnergyLab.
O alcalde, tal e como informa o Concello nun comunicado, destacou o obxectivo do programa Smarter Together de "empoderar a veciñanza para que poida repensar, decidir e co-crear a súa cidade a través da participación". Martiño Noriega sinalou que "ser intelixente significa conservar o legado da historia para o futuro das seguintes xeracións, a partir dunha aposta decido pola sustentabilidade patrimonial e ambiental, como a que fai o proxecto europeo".
"XUNTOS SOMOS MÁIS INTELIXENTES"
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que o proxecto Smarter Together está a centrarse na procura de medidas de eficiencia enerxética para a redución de emisións contaminantes. Jorge Duarte apuntou que as cidades implicadas están a traballar en diferentes eixos temáticos "que van desde a mellora da participación cidadá á implantación da calefacción de distrito, pasando pola mobilidade sustentable".
O edil recoñeceu que hai cuestións nas que Santiago está especialmente interesado en coñecer experiencias doutras urbes "como a calefacción de barrio con enerxías renovables", e apuntou que Compostela xa está a dar pasos noutras cuestións como "a aposta por un modelo de mobilidade máis sustentable e intelixente". Duarte explicou que todas as medidas se queren adoptar desde unha aposta pola participación da cidadanía, e de aí o lema do proxecto Smarter Together, "Xuntos somos máis intelixentes".
TECNOLOXÍAS INTELIXENTES
O proxecto europeo Smarter Together ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes. As áreas de traballo nas que se está desenvolvendo a estratexia son: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sustentable, e district heating e enerxías renovables.
Compostela é socio do Smarter Together como cidade "seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas "cidades faro": Lyon, Munich e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020.
Escribe o teu comentario