A auga da billa busca o seu oco entre a hostalería da capital
O Concello de Santiago pon en marcha unha iniciativa para fomentar o seu consumo e reducir os envases.
Xan Duro e Constantino Penedo. Foto: Concello de Santiago
O Concello de Santiago puxo en marcha un proxecto piloto para fomentar o consumo do auga da billa no sector da hostalería e reducir o recurso ao auga embotellada.
Ese é o obxectivo do proxecto 'Santiauga', que presentou este martes o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, en compañía do xefe de proxectos de medio natural de Novotec, Constantino Penedo.
Segundo aclarou o edil, ao proxecto 'Santiauga' poderán sumarse nunha primeira fase ata 25 establecementos de restauración de Compostela, preferiblemente que ofrezan menú de día, que se comprometerán a ofertar auga da billa para acompañar ás comidas ou ás ceas.
O Concello facilitaralles botellas de cristal identificadas para servila. Unha vez analizada a resposta dos consumidores, a Concellería de Medio Ambiente estudará a implantación do proxecto nun maior número de locais.
Os establecementos de hostalería que desexen implicarse no proxecto piloto deben remitir un formulario ao correo electrónico medioambiente@santiagodecompostela.gal. O Departamento municipal seleccionará aos participantes que cumpran os requisitos mínimos, por orde de inscrición.
IMPULSADA NOUTROS PAÍSES
Constatino Penedo explicou que a campaña que se pon en marcha en Santiago "xa se impulsou antes con moito éxito noutras cidades do mundo como París ou Nova York".
Pola súa banda, Xan Duro incidiu en que "o consumo da auga da billa é a mellor opción por calidade, sustentabilidade, prezo e saúde". En concreto, indicou que o obxectivo é "axudar a cambiar os hábitos da cidadanía, contribuíndo a coidar o medio ambiente".
En particular, Duro fixo fincapé no "enorme impacto que teñen os residuos plásticos, que se suman aos custos ambientais do seu transporte" do auga embotellada. En concreto, destacou que, do prezo que se paga por unha botella de auga embotellada, o 90% corresponde ao propio envase.
Escribe o teu comentario