A Xunta só destina "319 euros por concello" para benestar animal en 2018
Os animalistas critican que os orzamentos non acompañan á lei recentemente aprobada, ambiciosa, pero que necesita máis implicación económica.
A Asociación Animalista Libera! e a Fundación Franz Weber denunciaron que no proxecto de orzamentos galegos para 2018 "só" lograron detectar unha "única partida orzamentaria" de 100.000 euros baixo o título "actuacións vinculadas coa protección e o benestar de animais de compañía", o que supón unha media de "319 euros" por concello.
Nun comunicado, subliñan que a lei de benestar animal de Galicia "require un forte investimento orzamentario por parte de todas as administracións públicas", un "feito innegable e recoñecido por todas as partes en liza".
Con todo, advirten, a formulación realizada pola Xunta no proxecto de lei de orzamentos para o próximo ano "deixa coxa a parte de implicación económica autonómica".
Os animalistas sinalan que o novo articulado da lei é ambicioso en moitos aspectos e "moi necesario", como o fin do encadeamento continuado de animais domésticos, a fin das mutilacións por estética ou a prohibición de empregar colares de descargas.
Así as cousas, as entidades animalistas destacaron que a nova normativa "necesita unha maior implicación técnica, humana e económica" de todas as partes e, por iso, o Executivo autonómico debería apoiar "non só con 100.000 euros", senón que debería realizar campañas de sensibilización conxunta, accións educativas e a través da CRTVG, con contidos propios ou promocionais a favor da protección animal, tenza responsable e, mesmo, "fomentado a adopción".
Escribe o teu comentario