O PP aproba en solitario a lei de benestar animal que esquece os touros

|

Toreotoros 1A oposición reprocha o gusto do PP por 'pavonearse' en Pontevedra.


A lei de benestar animal recibiu a aprobación definitiva no pleno da Cámara deste martes, aínda que só contou co apoio dos deputados populares porque todos os grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- votaron en contra desta norma e coincidiron en criticar, entre outros cuestións, que se exclúan as corridas de touros da prohibición de utilizar animais en pelexas, festas ou actividades de crueldade.


O BNG xa votara en contra do ditame durante o seu debate previo en comisión, e PSdeG e En Marea abstivéronse. Con todo, ao non apoiar os populares as emendas que permaneceran vivas para o debate en pleno, toda a oposición se opuxo ao texto este martes. O deputado popular Gonzalo Trenor lamentou que os grupos rexeiten "a mellor lei do país" no seu ámbito de regulación e acusounos de usar "escusas" para xustificar o seu voto negativo.


Durante o debate, o deputado do BNG Luís Bará agradeceu o labor dos colectivos en defensa dos animais e admitiu algunhas "melloras" en "prohibicións xenéricas e sancións", pero censurou que non se prohiban "espectáculos de crueldade extrema" como as corridas de touros. De feito, atribuíuno á "submisión" do PPdeG a "o que diga Madrid".


"É unha falta de valentía porque hai autonomías que o fixeron, claro que para frealo xa teñen vostedes a arma de destrución masiva do Tribunal Constitucional contra todo o que vaia contra a ideoloxía do PP e o españolismo máis rancio", esgrimiu, antes de engadir que os populares "se pavonean" nos touros en Pontevedra durante as festas da Peregrina.


"NON HOUBO DIÁLOGO, HOUBO PRESIÓN"


A parlamentaria socialista, quen coincidiu co BNG en reprobar a exclusión dos touros nesta norma e manifestou o seu desexo de que, en Pontevedra, algún día, os populares "vaian manifestarse ante a praza de touros antes de ir ao baile da Peregrina". Tamén incidiu en que é certo que o texto "mellorou", pero advertiu que, máis que "diálogo", foi "a presión" a que obrigou a ceder aos populares nalgunhas das súas pretensións iniciais.


Aínda así, considerou necesarios outros avances, como impulsar, á marxe da prohibición de animais salvaxes nos circos, que un observatorio analice cales son as condicións dos animais domésticos e que se recolla "expresamente" o tiro ao pichón. Tamén subliñou que baixo a definición de eutanasia no texto se abre a porta "ao sacrificio", aínda que a lei o prohiba.


Así mesmo, Francisco Casal (En Marea) advertiu que este martes podería ser "un día histórico" pero a norma "non satisfai" as demandas do seu grupo. "É sorprendente que o PPdeG defenda un malos tratos tan extremos como os dos touros", esgrimiu, antes de engadir, na liña con Vilán, que non será posible "o sacrificio cero de verdade" tal e como está regulada a eutanasia na lei.


E é que o seu vínculo, incidiu, cos "problemas de saúde pública ou benestar animal" favorece "que nas canceiras poidan seguir dándose mortes masivas". Tamén coincidiu con Vilán na necesidade de impulsar un observatorio para analizar as condicións dos animais domésticos nos circos.


"LEXISLACIÓN ESPECÍFICA"


Pola súa banda, o popular Gonzalo Trenor destacou a cantidade de emendas negociadas e reivindicou o diálogo. "Pero se se dialoga é o recoñecemento dun fracaso e se non, aplicamos o rolete", reflexionou, antes de censurar a actitude da oposición que, ao seu xuízo, busca "escusas" para non apoiar "a mellor lei de España" neste ámbito e "probablemente" unha das "máis avanzadas" da Unión Europea.


Por outra banda, defendeu a exclusión desta norma de animais que teñen outra regulación específica tales como os touros, os équidos, animais de autoconsumo ou animais de experimentación. "Esta redacción xa está presente na anterior lei e ten todo o sentido: as leis fanse para ser aplicadas e non para andar pleiteando despois", esgrimiu.


relacionada Os animalistas piden que Galicia siga o exemplo de Baleares contra o toureo
relacionada Galicia, Mellor sen Touradas esixe que a lei de benestar animal prohiba a tauromaquia
relacionada Un panfleto protaurino compara o dereito ao aborto coas corridas de touros
relacionada O PSdeG presenta unha emenda á totalidade da lei de benestar animal

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress