Alcaldes da área viguesa pedirán axudas para recuperar os danos dos incendios
Tamén urxen cambios lexislativos, nos protocolos de extinción e financiamento urxente da Xunta para accións inmediatas.
Os alcaldes da área de Vigo reuníronse este luns, convocados polo rexedor olívico, Abel Caballero, para poñer sobre a mesa os efectos dos incendios que arrasaron a comarca hai unha semana e para articular fórmulas de acción encamiñadas a paliar eses danos, e acordaron solicitar as axudas dispoñibles por parte de Xunta, Goberno central e tamén do Fondo de Solidariedade da UE.
Nesta reunión estiveron presentes, ademais do alcalde de Vigo e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, os rexedores de Nigrán, Ponteareas, Gondomar, Fornelos de Montes, Salceda de Caselas, Mondariz, O Porriño e As Neves. Os alcaldes do PP (Redondela, Baiona, Mos e Pazos de Borbén) tamén foron convocados pero optaron por non acudir.
Tras o encontro, Caballero explicou que os concellos acudirán a tres vías para solicitar axudas: por unha banda pedirán a aplicación da lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil, que contempla a declaración de zonas afectadas por emerxencias. Neste caso, a solicitude debe tramitarse desde as alcaldías, as xuntas de goberno ou os plenos, e os concellos deben achegar unha memoria detallada dos danos.
Así mesmo, recorrerase a unha segunda vía: a das axudas contempladas no decreto 102/2017 aprobado pola Xunta o pasado 19 de outubro, e que servirán "para complementar" as accións que non sexan cubertas por axudas do Goberno de España.
Finalmente, segundo explicou Caballero, pedirase á administración central que tramite a solicitude de axudas con cargo ao Fondo de Solidariedade da UE, "pensado para catástrofes naturais graves". Neste caso, deben acreditarse danos por valor superior aos 3.000 millóns de euros, pero os alcaldes expresaron a súa confianza en que o Goberno de España "pode "argumentar esa cifra", se non en Galicia unicamente, sumando os danos aos doutras áreas.
"UN ANTES E UN DESPOIS"
O alcalde de Vigo incidiu en que os incendios ocorridos os pasados 14 e 15 de outubro deben supoñer "un antes e un despois" na política forestal de Galicia e de España, e advertiu de que "hai que tomar múltiples decisións" para evitar que se repita a catástrofe.
Así, Caballero avogou por expor novas políticas forestais, de acordo con técnicos e expertos, que contemplen, entre outros factores, as novas condicións impostas polo cambio climático. "O monte xa non se pode considerar só desde a variable económica", manifestou, e advertiu de que esas novas accións requiren de "recursos".
Precisamente por iso, fixo fincapé na importancia das axudas europeas para a recuperación dos espazos afectados. Segundo sinalou, "a reforestación é a clave", e se se quere repoboar os montes galegos con especies autóctonas, cuxo crecemento é máis lento, fará falta "un traballo de anos" e "axudas continuas durante moito tempo".
OUTROS CAMBIOS
Ademais dunha nova política forestal, os alcaldes reclamaron cambios noutros aspectos, por exemplo, nos protocolos de actuación. A ese respecto, Caballero reclamou que os alcaldes e responsables locais dos sistemas de alerta en caso de incendios teñan "liñas abertas, directas e permanentes" cos responsables de extinción da Xunta. "Non pode ser que, nunha situación de emerxencia, un alcalde teña que chamar ao 112 e que non poida falar porque o número está colapsado", apuntou.
O rexedor olívico tamén avogou por unha "cooperación permanente" entre os concellos tanto nos labores de prevención como na utilización de recursos. Do mesmo xeito, sinalou a necesidade de operar cambios na lexislación para que os concellos poidan actuar de forma inmediata sobre as parcelas e montes privados no caso de que estes non cumpran as condicións de seguridade esixidas.
Escribe o teu comentario