Martiño Noriega destaca a importancia do Camiño na "reinvención" de Europa

|

NoriegacaminhoNoriega, durante a súa intervención. Foto: Concello de Santiago

O alcalde de Santiago de Compostela participou no acto de conmemoración do trinta aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo. Na súa intervención, Martiño Noriega destacou a importancia do Camiño de Santiago como ferramenta da reinvención dunha Europa que hai trinta anos necesitaba reinventarse a si mesma".


Martiño Noriega fixo un percorrido polo significado de Santiago como unha das ferramentas básicas para a procura dunha identidade europea. A dita identidade baseouse, segundo o alcalde, na riqueza da diversidade que achegou o Camiño: "a riqueza da diversidade foi sempre o mellor tesouro da nosa cidade. Naquel momento no que a Europa medieval necesitaba pensarse e procurar novos horizontes, Santiago exerceu como meta e como centro".


Pero ademais, o rexedor deixou patente que "ao redor de Santiago de Compostela, naceu tamén un país atlántico que foi definido como célula de universalidade. Hoxe mostramos, reivindicamos e exercemos con orgullo a capitalidade deste o noso país: Galicia".


Unha das consecuencias da Declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo foi o incremento de persoas que se achegan cada ano para visitar a cidade. "Daqueles 2.905 peregrinos de 1987 pasamos á cifra récord que supuxo o 2016 con 278.224. Cifra que, xa lles adianto foi superada neste 2017, a falta de dous meses e medio para que acabe o ano".


De fronte o ano 2021, cando se celebrará o próximo Ano Xacobeo, o alcalde de Santiago pediu "chegar aos consensos necesarios para protexer este noso máis prezado ben común. Como sempre, co leal traballo interadministrativo no que teñen que ser oídas todas as voces". Nese sentido apuntou o papel especial da Administración local, por ser a máis próxima á cidadanía.


Por último, Martiño Noriega reivindicou as palabras do acto de 1987 co que se declaraba o Camiño de Santiago Itinerario Cultural Europeo: "que alén das diferenzas e os intereses nacionais percorramos os camiños para construír unha sociedade fundada na tolerancia, o respecto aos demais, a liberdade e a solidariedade".


O acto de conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo celebrouse no Hotel Monumento San Francisco e contou coa participación do presidente da Xunta e do ex secretario xeral do Consello de Europa, Marcelino Oreja. Este último recolleu unha das dúas Medallas outorgadas polo Instituto Europeo de Itinerarios Culturais no transcurso do acto. A outra foi para "Os Camiños de Santiago", e recibiuna Simone Pettirossi, presidente de quenda da Federación Europea dos Camiños de Santiago de Compostela.


relacionada Un home de 70 anos percorre 1.600 quilómetros do Camiño para conseguir outros tantos xoguetes
relacionada Un sinal do Camiño nos restos dunha muralla de hai oito séculos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress