A Deputación da Coruña destina máis dun millón de euros á modernización do agro
Un 22% das axudas do Plan de Emprego da Deputación destínanse a contratación de persoal e modernización de explotacións agrogandeiras coruñesas
Máis dun 22% dos 4,5 millóns de euros que o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña destina este ano a apoiar ás pequenas e medianas empresas na contratación de novos traballadores e a apoiar a proxectos empresariais impulsados por mozos e mozas de entre 25 e 35 anos benefician a empresas do sector primario, fundamentalmente explotacións gandeiras e agropecuarias dos municipios rurais da provincia.
Así o explicou o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou, acompañado do alcalde de Curtis, Javier Caínzos, a unha explotación agrogandeira deste municipio que se beneficiou das axudas da liña PEL-Emprende para a modernización das súas instalacións.
González Formoso destacou a importancia que ambas as dúas liñas do PEL teñen para "axudar a crecer e modernizarse ao sector primario, que é fundamental e estratéxico na economía coruñesa" e, ao mesmo tempo, "para aproveitar o potencial do rural, xa que as axudas contribúen a crear oportunidades de emprego e desenvolvemento económico e a fixar poboación".
O presidente provincial sostivo que "as administracións deben implicarse a fondo en deter a sangría demográfica do rural, que é un dos maiores problemas que enfronta o futuro de Galicia".
González Formoso mostrou a súa satifacción polos resultados que acadou o programa no seu primeiro ano de vida e anunciou que nas vindeiras semanas se presentará a convocatoria 2018 do PEL, que contará con algunhas novidades importantes que poderían beneficiar ás empresas radicadas no ámbito rural.
49 NOVOS EMPREGOS E 12 GRANXAS
O montante total das axudas do PEL que se destinaron a empresas do sector primario ascende a 1.015.722 euros, arredor dun 22,5% do total destas subvencións, que contan cun orzamento total de 4,5 millóns de euros durante 2017.
A través da liña PEL-PEMES, a Deputación subvencionou este ano o 75% dos custes de contratación de 49 persoas durante un período de un ano en granxas e explotacións agrarias ou gandeiras da provincia da Coruña. O importe total destas axudas á contratación ascende en 2017 a 648.058 €.
Coa liña PEL-Emprende, destinada a mozos/as de ata 35 anos, a Deputación apoia os procesos de modernización e innovación nas empresas. Un total de 12 empresas que pertencen ao sector agrogandeiro percibiron un total de 367.697 euros.
Escribe o teu comentario