Juncker rexeita a independencia de Cataluña e renega do papel de mediador
Avisa de que non quere "unha Europa formada por 90 países" e que se a Unión Europea intervén "crearía máis caos".
O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, pechou este venres a porta a unha posible mediación da Unión Europea na crise política en Cataluña, porque ao seu xuízo crearía "máis caos", á vez que rexeitou a independencia como opción porque non quere "unha Europa formada por 90 países".
"Se permitimos, aínda que non sexa o noso asunto, que Cataluña se independice, tamén o farán outros despois e iso non me gusta. Non quero unha Unión Europea que dentro de 15 anos estea formada por 90 países, sería imposible", defendeu Juncker nunha charla con estudantes en Luxemburgo.
O xefe do Executivo comunitario tamén explicou que a Unión Europea non pensa intervir como mediador para saír da crise, a pesar de que así o solicitaron desde a Generalitat, e recalcou que cando a institución asumiu ese papel fíxoo "entre Estados membro".
Ademais sinalou que "só unha parte" chamou á mediación europea e que nin el nin o presidente do Consello europeo, Donald Tusk, poderían facelo porque "crearía moito máis caos" na Unión Europea.
O ex primeiro ministro luxemburgués mostrouse "preocupado" polo desafío independentista e polo feito de que a procura dunha identidade propia leve a moitos a pensar que esa identidade "é incompatible" coa doutros.
Juncker tamén revelou que "hai tempo" que pediu ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, tomar "iniciativas" para que a situación "non saíse fóra de control". "Fixéronse algunhas cousas, outras quedaron intactas", engadiu.
En calquera caso chamou ao "sentido da responsabilidade de todos os actores" implicados e insistiu en que a Comisión Europea "non interfere" neste asunto.
RECIBE A PEDRO SÁNCHEZ
O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, recibirá o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, o vindeiro mércores pola mañá, nunha reunión na que abordarán "cuestións de interese común" e o Executivo comunitario non descarta que traten a situación actual de Cataluña.
Así o anunciou este venres nunha rolda de prensa o portavoz da Comisión Europea, Alexander Winterstein, quen sinalou que Juncker "sempre ten as súas portas abertas" e reúnese a miúdo con líderes e políticos de toda Europa e de todas as formacións.
A reunión entre o xefe do Executivo comunitario e o líder do PSOE coincidirá co primeiro día do cume de xefes de Estado e de Goberno, que comezará esa mesma tarde. Tamén coincide co segundo prazo fixado no requirimento enviado polo Goberno a Carles Puigdemont para que as autoridades de Cataluña volvan "á legalidade".
Escribe o teu comentario