Activada a alerta por seca en media Galicia, sen "efectos inmediatos sobre a cidadanía"
Son "as que levan máis meses afastadas da normalidade" e "presentan un déficit de caudal todas elas por baixo do 50%".
O abastecemento "segue garantido".
A oficina técnica da seca --que constitúen diversos organismos da Xunta-- acordou este luns recomendar a declaración da alerta por seca en seis zonas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, que fará efectiva Augas de Galicia en próximas horas.
Os seis sistemas afectados son os que afectan a: os ríos Verdugo, Lagares e Baíña; ríos de Oia e O Rosal, que verten á costa atlántica; río Castro; río Xallas e Cee; río Mero e outros que desembocan na ría da Coruña; así como os ríos Mendo e Mandeo e os que desembocan á ría de Betanzos.
En rolda de prensa, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, informou de que estas seis zonas son "as que levan máis meses afastadas da normalidade" e "presentan un déficit de caudal todas elas por baixo do 50%". Con todo, deixa claro que o uso prioritario de abastecemento da poboación "segue garantido" e "non terá ningún efecto inmediato sobre a cidadanía".
Ademais destas seis zonas, o director de Augas avisa de que "hai que prestar especial atención ao sistema do río Lérez", que nos dous últimos meses está "nunha pendente de afastamento da normalidade", aínda que "non tan persistente no tempo" como para declarar por agora a alerta. Tamén, a situación dos ríos Tambre e Ulla "non empeoran", pero afluyentes comezan a ter complicacións --como o río Furelos--.
Escribe o teu comentario