A mesa da seca declara este luns a alerta en varias zonas de Galicia
A medida afecta á conca Galicia-Costa, en prealerta desde principios de ano pola escaseza de choivas.
A mesa da seca reúnese este luns, día 2 de outubro, coa previsión de declarar a alerta en varias zonas da conca Galicia-Costa, na que xa está decretada a prealerta desde comezos de ano debido ás escaseza de precipitacións.
En concreto, Augas de Galicia manexa a previsión de que entre catro e seis zonas pasen de prealerta a alerta, e descarta que este paso se adopte para toda a demarcación.
Unha vez acabado o ano hidrolóxico, este sábado 30 de setembro, técnicos de todos os departamentos da Xunta con competencias na materia se reunen o luns para tomar esta e outras decisións.
O director xeral de Augas, Roberto Rodríguez, aclarou hai días que do que se fala é dunha seca hidrolóxica, algo que "non hai que identificar con que poida haber escaseza nos recursos".
A parte sur de Ourense é a máis afectada, pero as incidencias nesta área afectan, maioritariamente, a núcleos rurais e traídas veciñais ás que se garantiu a subministración con cisternas. De feito, as primeiras consecuencias nótanse en pozos e acuíferos.
Aínda que a Xunta está "preocupada" tras nove meses de déficit de choivas, valora que agosto "resistiu mellor do que se esperaba", e que por diante hai un outono que, se é normal en canto a choivas, fará que a situación tenda, precisamente, cara á normalidade.
AS CONSECUENCIAS DA ALERTA
A declaración da alerta nalgunhas zonas da comunidade galega non tería "efecto inmediato" sobre a cidadanía, segundo indicou hai unha semana Roberto Rodríguez.
"Auga hai. O que temos é que adoptar medidas para protexela, para preservar os recursos, mediante o seu uso adecuado", apuntou o director xeral.
Escribe o teu comentario