Unha gandeira de Viana denuncia por carta o abandono da montaña oriental ourensá
Reclama a Medio Rural "solucións" para o campo galego ante a seca.
María, unha gandeira de Viana do Bolo, enviou unha carta á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, para denunciar o "abandono" que, ao seu xuízo, sofre a montaña oriental ourensá por parte das administracións ante a seca.
Nesta misiva, que asina como "unha gandeira da zona cero da seca", urxe "habilitar solucións xa" para o agro galego, que "necesita axudas".
"Con esta seca estamos a ver como cada día o noso medio de vida está a morrer e de seguir así as nosas explotacións corren risco de arruinarse e desaparecer", alerta.
Así, avisa de que as producións de centeo, herba, castaña e mel "quedaron arrasadas en moitos casos por completo", con "perdas superiores ao 80%" para moitos produtores. En concreto, pon exemplos de afectados que en anos pasados recolleron 1.300 rolos de forraxe e este 342, mentres apicultores que recollían 40.000 quilos tan só terán uns 5.000.
"Cánsome de trasladar desgrazas e máis desgrazas (...) para que despois os que teñen que ver o que está a pasar aínda non se dignaron a reunirse cos afectados", reprocha. "Os concellos da montaña de Ourense Oriental tamén somos Galicia", clama.
Parte desta carta foi lida no pleno do Parlamento galego desta semana pola deputada socialista Noela Blanco durante a súa intervención nunha interpelación á conselleira de Medio Rural.
Escribe o teu comentario