Ferida grave unha muller nunha explosión de gas no barrio de Coia
Polo momento, non hai constancia de que o suceso deixase máis persoas feridas.
Unha muller de 57 anos resultou ferida con graves queimaduras na pel tras unha explosión de gas rexistrada no mediodía deste domingo nun edificio situado na rúa Cangas do barrio de Coia, en Vigo.
Segundo informaron fontes da Policía Nacional de Vigo, a deflagración produciuse ás 13,25 horas cando a vítima abriu o seu forno de gas propano mentres preparaba a comida.
A consecuencia da explosión, a muller sufriu graves queimaduras na pel, polo que tivo que ser trasladada a un centro hospitalario. Polo momento non hai constancia de que o suceso deixase máis persoas feridas.
O suceso tivo lugar nun inmoble da 5ª planta dun edificio de dez pisos situado na rúa Cangas do barrio de Coia, na cidade de Vigo.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros da cidade olívica e unha ambulancia de Urxencias Sanitarias 061, así como membros das policías Nacional e Local.
Escribe o teu comentario