"Máis de dous e de tres" conselleiros ofrécense para conquistar alcaldías
Recoñeceuno Feijóo nunha entrevista, pero sinala que non pensa volver remodelar de novo o Goberno.
Núñez Feijóo recoñeceu que "máis de dous e de tres" conselleiros do seu goberno ofrecéronse para liderar listas municipais nas eleccións locais previstas para o ano 2019.
Fíxoo nunha entrevista concedida este domingo a La Voz de Galicia na que o xefe do Executivo autonómico sinala que "nestes momentos" non entra nos seus plans inmediatos acometer unha remodelación no seu equipo de goberno.
Na semana na que se cumpriu un ano da súa vitoria nas eleccións autonómicas de 2016, Feijóo asegurou que este foi "o mellor ano dos nove" que leva á fronte do Goberno galego "desde o punto de vista de construír a Galicia do futuro".
Así mesmo, dá por superada a depresión "en termos macroeconómicos" e chama a "seguir creando emprego". "Por iso animo a aquelas empresas que saíron da crise a que se note nos salarios dos cidadáns. Xa non durmo preocupado por como podemos facer para que Galicia chegue a fin de mes", afirma o presidente.
ANGROIS
O Congreso dos Deputados aprobou esta semana a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois. Preguntado sobre esta cuestión, Feijóo indicou que "aínda" ten "unha pregunta" sobre a catástrofe da curva da Grandeira: "Hai algo que deberiamos saber e aínda ignoramos? Esa é a cuestión. Imos montar unha comisión política de investigación paralela á xudicial? Non creo que sexa oportuno, porque parece que estamos a desconfiar dos xuíces".
Escribe o teu comentario