A Xunta non convida o goberno local de Vigo aos actos do Pergamiño Vindel
"O alcalde estaría encantado de asistir a Nova York á entrega, ou darlle a benvida", declarou un edil.
Foto dun dos actos co Pergamiño.
O concelleiro de Seguridade e Mobilidade de Vigo, Carlos López Font, manifestou este xoves que o Goberno local non asiste aos actos organizados con motivo da chegada do Pergamiño Vindel porque non ten "ningún coñecemento oficial" nin o "convidan" aos mesmos, feitos dos que responsabilizou de forma "exclusiva" á Xunta de Galicia.
"O alcalde estaría encantado de asistir a Nova York á entrega, ou darlle a benvida no aeroporto ou no museo, pero ninguén se puxo en contacto connosco para comunicarnos estes actos", aseverou o edil, que remarcou que "o que hai desde a Xunta e o PP a esta cidade é auténtico odio".
Nesta liña, criticou que a Administración autonómica está a facer unha "patrimonialización" deste manuscrito, o que exemplificou con que se está "impoñendo o Museo do Mar por decisión política" para situar a exposición. "Demóstrase de maneira moi nítida a vergoñosa utilización da Xunta do que debe ser un acto de todos", remarcou.
De feito, reprobou que non se estea contando co Concello olívico a pesar de que o Pergamiño Vindel é "un patrimonio cultural que ten a Vigo como centro; e por tanto tería que ser un tema conxunto entre todos" e non "unha proba máis do sectarismo da Xunta e a marxinación á que quere someter a esta cidade".
Escribe o teu comentario