As farmacias galegas, desabastecidas dun medicamento contra a arritmia cardíaca
Enfermos do corazón teñen que ir a Portugal en busca do fármaco, que o fabricante distribúe con contagotas.
Pacientes galegos con problemas de corazón vense obrigados a desprazarse a Portugal en busca de Trangorex, un medicamento para tratar arritmias, debido ao desabastecemento que sofren as farmacias.
Tal e como publica o dixital GaliciaConfidencial, hai 15 días que resulta imposible atopar o fármaco na nosa comunidade, polo que as boticas están a recomendar ir ao país veciño á xente que o necesita.
Ao parecer, o fabricante quere desfacerse dos stocks e está a distribuír de forma moi controlada as unidades do seu medicamento.
Pola súa banda, a Xunta alertou á Axencia Española de Medicamentos problemas na subministración xa a principios de setembro. O organismo dependente do Ministerio de Sanidade afirmou que a empresa garantía a cobertura das urxencias, pero ante o desabastecemento continuado, o Sergas volveu reclamar que as cantidades que chegan á nosa comunidade seguen sendo insuficientes.
De momento só facilitaron dous parches para solucionar a carencia, que os pacientes compren o medicamento en Portugal e que cada farmacia contacte pola súa conta co laboratorio para as peticións urxentes.
Escribe o teu comentario