Inspección de Traballo busca fraudes laborais na recollida da pataca
Funcionarios escoltados pola Garda Civil preséntanse nas colleitas e multan a veciños e familiares que axudan aos produtores.
Unións Agrarias denuncia un exemplo máis de que esta é a "lexislatura contra o rural", pola "persecución" contra os produtores de patacas.
O sindicato critica nun comunicado que funcionarios de Inspección de Traballo, escoltados pola Garda Civil, se presetan nas colleitas e multan aos veciños e familiares "que axudan na recollida de patacas, uvas, etc".
Para a organización agraria resulta "completamente escandaloso" que se multe unha práctica que se vén facendo "desde sempre en Galicia, cando esas axudas se saben sempre puntuais e polas que non se percibe remuneración".
Por iso, o sindicato anuncia que levará ao Congreso dos Deputados, "a través dos parlamentarios galegos", unha modificación da norma que rexe a colaboración familiar. Trata así de "evitar estas inspeccións esperpénticas que só responden a un afán recadador por parte do ministerio de Facenda".
Unións Agrarias suma este caso con medidas como o catastrazo, a subida do gasóleo profesional, as trabas a pensionistas que venden castañas ou uvas, ou a campaña de requirimentos fiscais contra as explotacións gandeiras.
Por toda esta axenda de temas "que se vai incrementando", a organización agraria volveu solicitar unha reunión urxente coa conselleira de Medio Rural, "dada a súa preocupante falta de interese por sentar cos representantes dos produtores e chegar a solucións".
Escribe o teu comentario