250.000 euros para indemnizar a 374 agricultores afectados pola praga da pataca
As compensacións aos propietarios afectados pola retirada de patacas en zonas infectadas abonaranse a partir da próxima semana.
A Xunta de Galicia destina unha partida inicial de 250.000 euros para indemnizar ata a 374 agricultores galegos pola retirada da pataca infectada pola couza guatemalteca.
Diso deu conta este venres a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na comisión técnica de seguimento deste caso, á que tamén acudiron representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), do Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia e da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.
Nun comunicado, Medio Rural explicou que nesta reunión avaliouse o cumprimento da normativa establecida para a couza e confirmouse que "continuará a vixilancia das zonas infectadas, así como das principais áreas produtoras de pataca".
Así, as indemnizacións comezarán a abonarse a partir da próxima semana. Está previsto que 374 agricultores, 241 de Lugo e 133 da Coruña, poidan cobrar as súas correspondentes compensacións.
En Galicia, víronse afectados un total de 6.520 propietarios e máis de 8.000 parcelas infectadas, xunto a 15 almacéns. En dous meses, a consellería recolleu 303 toneladas de pataca.
COMPENSACIÓNS
A Xunta destinará a este fin unha partida inicial de 250.000 euros que, en todo caso, poderá aumentar para que "todos os afectados queden cubertos". Así, o prazo para solicitar unha compensación económica estará aberto ata o 30 de setembro deste mesmo ano.
Respecto dos pagos, estes faranse en función dos baremos establecidos polo tipo e os quilos de tubérculo entregados. As patacas de semente pagaranse a 0,70 euros o quilo e a de consumo a 0,30 euros. En canto á que foi arrincada de zonas infectadas, abonaranse 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada.
Escribe o teu comentario