O centro de saúde de Marín, seis meses de carencias e promesas incumpridas pola Xunta

En Marea e BNG esixen que se arranxen as deficiencias de servizos, persoal e equipos.


|

ConsultacentrosaudeImaxe de arquivo dunha centro de saúde.


Os grupos parlamentarios de En Marea e BNG presentaron senllas iniciativas que levarán ao Parlamento galego para esixir á Xunta que arranxe as deficiencias do centro de saúde de Marín.


A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, lamentou que, o que o propio presidente da Xunta definiu como un "pequeno hospital sen hospitalización", transcorridos 6 meses da apertura, quedou nun centro de saúde "malo, con carencias tanto de servizos fundamentais como de persoal".


Sinalou que este centro non conta coa maior parte dos servizos prometidos como radioloxía ou fisioterapia, que a día de hoxe ten unha lista de espera de ata 3 meses para unha simple consulta, a falta dun despacho de farmacia, e un "déficit de equipamento".


A deputada de En Marea tamén dixo que non entenden como tendo este centro un Punto de Atención Continuada non conte coa base de ambulancias no propio centro, polo que non só van reclamar que se devolva esa ambulancia 24 horas senón que se acabe cos desprazamentos da ambulancia medicalizada e que a sede estea no mesmo centro de saúde, explicou Eva Solla.


Ante esta situación, o grupo parlamentario de En Marea presentará diversas iniciativas que se suman ás xa rexistradas no anterior período de sesións e as dúas mocións presentadas pola Marea de Marín no Concello, nas que se insta ao Goberno galego a aproveitar a tramitación dos orzamentos do próximo ano para incluír partidas que permitan dar solución as deficiencias do centro.


"TOTAL REXEITAMENTO"


Pola súa banda, a deputada do BNG, Montse Prado, xa rexistrou esta mesma semana un escrito que será tratado nos próximos días na Cámara galega no que mostra o "total rexeitamento" da súa formación "contra os recortes nos servizos públicos que o PP vén executando nos últimos anos" e, neste caso concreto, o recorte de servizos que ao seu xuízo está a sufrir Marín.


Montse Prado sumou á supresión do servizo da ambulancia 24 horas, o anuncio da Xunta da súa decisión de prescindir do prometido servizo de Radioloxía no Centro de Saúde de Marín, alegando a proximidade do Centro de Saúde Virxe Peregrina de Pontevedra.


O BNG tamén recolle as outras carencias como o servizo de Farmacia, a falta de cobertura nas baixas de longa duración do persoal, a inexistencia dun monitor de desfibrilador no centro de saúde (si no PAC), a carencia de caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes a deficiencia asistencial no servizo de matronas causado pola non substitución das baixas laborais.


relacionada A Consellería deixa os nenos de Chantada sen pediatra no centro de saúde
relacionada Salas de espera a 35 graos no centro de saúde do Porriño
relacionada O Sergas desmantela un centro de saúde de Forcarei por aforrar 50.000 euros

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE