Traballadores sociais poderán ensinar eficiencia enerxética os fogares necesitados
A Fundación Gas Natural Fenosa organizou en Santiago de Compostela unha sesión formativa para os traballadores municipais.
Sesión formativa en Santiago. Foto: FGNF
A Fundación Gas Natural Fenosa organizou en Santiago de Compostela, en colaboración co Colexio de Traballadores Sociais de Galicia, unha sesión formativa da súa Escola de Enerxía, co obxectivo de asesorar e formar en eficiencia enerxética a este colectivo nos municipios galegos.
O programa busca formar, cada ano, "a máis de 2.000 traballadores sociais e do terceiro sector" en boas prácticas de aforro e eficiencia enerxética para que as poidan trasladar ás persoas necesitadas.
En Galicia, a Fundación ten previsto celebrar nos próximos meses ao redor de 40 sesións formativas da súa Escola de Enerxía nos municipios de todo o territorio e formar máis de 400 traballadores sociais galegos.
POBREZA ENERXÉTICA
Tal e como informa a entidade nun comunicado, a Escola de Enerxía "proporciona os instrumentos e materiais para facer viable a implantación de prácticas eficientes nos fogares máis necesitados". Tamén dá a coñecer os programas e as accións da Fundación Gas Natural Fenosa no ámbito da pobreza enerxética
"Este proxecto está inspirado no modelo de solucións que están a aplicar países como Austria, Bélxica ou Hungría para paliar a pobreza enerxética e que comprenden programas de formación para os profesionais que traballan a diario co colectivo vulnerable. Nestes países resultou moi efectivo e esperamos que aquí tamén o sexa", apunta Martí Solà, director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa.
CLIENTES VULNERABLES
Gas Natural Fenosa ten asinados xa máis de 400 convenios con administracións para protexer a clientes vulnerables, que cobren máis do 95% da poboación. "Froito dos acordos e do Plan de Vulnerabilidade Enerxética, evitouse o corte da subministración a máis de 24.000 persoas", sinala a entidade, que inviste 4,5 millóns anuais en colaborar co Terceiro Sector e os Servizos Sociais.
Doutra banda, entre as medidas operativas que a compañía puxo xa en marcha atópase a creación da Unidade de Atención á Vulnerabilidade, unha unidade específica para atender a todos aqueles casos de clientes que poidan atoparse en situación de vulnerabilidade. Esta unidade é a encargada de responder a calquera chamada dun teléfono gratuíto específico que a compañía creou para os clientes vulnerables.
Escribe o teu comentario