Centos de persoas concentráronse en apoio ao referendo ilegal nas sete cidades

Representantes de En Marea, BNG, CIG e Galiza Nova, entre outras organizacións, participaron nas protestas.


|

Corunhacatconcentracion


Centos de galegos saíron á rúa e participaron en actos de protesta nas sete cidades contra as detencións de varios cargos do Govern en Cataluña nun operativo contra a organización do referendo, á vez que manifestaron o seu apoio á cita do 1 de outubro.


Esta protestas, convocadas pola plataforma Galiza com Catalunya, celebráronse na Comunidade baixo o lema conxunto de 'Fascismo nunca máis' e nelas reivindicouse o "dereito a decidir" do pobo catalán.


En Santiago, ao redor dun milleiro de persoas participou nunha protesta que comezou como concentración na Praza do Toural, pero converteuse nunha marcha que transcorreu por Porta Faxeira, Rúa da Senra, Praza de Galicia e de volta ao punto de partida.


A protesta obrigou a cortar o tráfico en varias rúas con retencións e colas de decenas de coches, pero non houbo outro tipo de incidentes.


A manifestación discorreu baixo o lema 'Galiza com Catalunya', entre berros de "Democracia" e "Votarem". Tamén se puideron ler carteis con lemas como 'Votar non é delito' ou 'Franco non morreu'.


Entre os asistentes, entre outros, atopábanse o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta; os históricos dirixentes nacionalistas Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira; así como deputados do BNG como Luís Bará e de En Marea como Luca Chao e Marcos Cal.


VIGO E A CORUÑA


En Vigo, centos de persoas, entre eles representantes de BNG, En Marea, CIG e Galiza Nova, entre outros, concentráronse xunto ao farol de Urzaiz para trasladar o seu apoio ao pobo catalán.


Na concentración, víronse pancartas e carteis con lemas como 'Galiza con Catalunya' e 'Votar non é delito'. Así mesmo, entoáronse diversas consignas como 'Non, non, non ao Estado de Excepción', 'Galiza, Cataluña, soliderariedade', e 'O referendo é democracia'.


En declaracións a Europa Press, a vicepresidenta do Parlamento, Eva Solla, que acudiu como representante de En Marea e de EU, remarcou que "os problemas políticos só poden resolverse pola vía do diálogo".


Nesta liña, insistiu en que, independentemente da posición política que teña cada un sobre o modelo de Estado, é "inasumible" a "represión" do Goberno central "contra o dereito a votar".


Pola súa banda, o portavoz en Vigo do BNG, Serafín Otero, denunciou a "inxustiza" que se comete con "este atentado contra o Estado da democracia". "É inconcibible que non se permita ao pobo decidir", sentenciou.


Na Coruña, participaron na concentración unhas 200 persoas, coa presenza de deputados de En Marea, así como concelleiras de Marea Atlántica e do BNG.


Ademais de berros como "Fascismo nunca máis", reivindicouse "o dereito a decidir" e cargouse contra a "represión" noutras proclamas. Do mesmo xeito que no resto de cidades, non houbo incidentes reseñables, aínda que dous furgóns e varios axentes vixiaron a concentración.


RESTO DE CIDADES


No resto das sete cidades tamén se rexistraron concentracións. Na de Pontevedra, por exemplo, participaron ao redor de 150 persoas, e coreáronse lemas como "Estado español, Estado fascista" ou "Democracia é decidir".


Participaron na mesma o alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, así como outros representantes de BNG, Galiza Nova e CIG, entre outras organizacións. O acto finalizou coa lectura dun manifesto no que se cargou contra "a falsa Transición apontoada polo franquismo".


No polo oposto, ademais, en Pontevedra circulou por redes sociais a convocatoria dun evento "a favor da unidade de España" tamén para este xoves.


Mentres, do mesmo xeito que en Ferrol e Ourense, en Lugo saíron á rúa decenas de persoas --máis dun cento no caso da cidade das murallas--. Entre os asistentes estaba o portavoz de En Marea, Luís Villares, quen alertou de que se está producindo "un recorte de liberdades públicas".


A protesta na cidade das murallas transcorreu tamén sen incidentes.


NOVOS ACTOS SOBRE O 1-O


Á marxe da manifestación convocada para a véspera do 1-O na capital galega e doutros eventos que xa tiveron lugar, na comunidade están a organizarse máis actos sobre o referendo.


Por exemplo, baixo o rótulo común do referendo e o dereito a decidir, o club de opinión Foro Cívico anuncia para o próximo día 28 un debate que virará ao redor das expectativas suscitadas por esta cita e os condicionantes ao seu desenvolvemento. O acto está previsto no paraninfo da Universidade da Coruña a partir das 20,00 horas.


Por outra banda, outros dirixentes como a eurodeputada Lídia Senra (AGEe) ratificaron o seu apoio ao referendo.


En concreto, Senra asinou un posicionamento colectivo emitido polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica condenando as detencións e "violencia represiva" do Estado español.


relacionada Rajoy, aos independentistas: "Non sigan adiante, regresen á lei e á democracia"
relacionada Rexistros e detencións de altos cargos cataláns en varias sedes da Generalitat

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE