Rajoy, aos independentistas: "Non sigan adiante, regresen á lei e á democracia"
O presidente do Goberno di que "saben que este referendo xa non se pode celebrar" e que só profunda a fractura da sociedade catalá.
Rajoy, na mensaxe institucional.
O presidente do Goberno advertiu nunha mensaxe institucional que o referendo ilegal de independencia en Cataluña "xa non se pode celebrar" e pediu aos responsables da Generalitat que "cesen nas súas actuacións ilegais". Rajoy mostrou a súa disposición a dialogar, pero sempre no marco da lei.
Rajoy realizou esta declaración despois das 14 detencións que se produciron hoxe en Cataluña, a maior parte delas afectan o núcleo duro da organización do referendo ilegal. Ademais, os axentes incautáronse de case dez millóns de papeletas de voto que se suman ás 45.000 cartas para constituír as mesas de votación que se interviñeron onte.
Tras estas actuacións xudiciais e policiais que imposibilitan materialmente o referendo, o xefe do Executivo reclamou aos responsables da Generalitat que cesen nas súas actuacións ilegais, abandonen os seus propósitos porque "saben que este referendo xa non se pode celebrar". Segundo Rajoy, esa consulta "non é máis que unha quimera imposible ou a escusa que queren usar para profundar a fractura que provocaron na sociedade catalá".
"Non sigan adiante, regresen á lei e á democracia e permitan que a xente poida pasar páxina destes días tan aciagos", argumentou Rajoy.
Escribe o teu comentario