Luisinho consegue os primeiros tres puntos para o Dépor
(1-0). O Alavés, pechacancelas, apenas xerou perigo na portería heculina. Os coruñeses tampouco gozaron de demasiado acerto ofensivo.
Os xogadores celebran o tanto de Luisinho. Foto: RC Deportivo
Un gol de Luisinho no tempo engadido da primeira metade deu ao Deportivo a primeira vitoria no campionato 2017-2018, ante un Alavés inferior, que apenas xerou perigo ante a portería coruñesa.
Non foi ata case o ecuador do primeiro período, no minuto 21, cando chegou a primeira ocasión do encontro. Un rexeite que caeu a pés de Fede Valverde e que o uruguaio enviou por encima do traveseiro do marco de Pacheco por moi pouco.
Ata entón, os dous equipos batallaron sen cuartel en mediocampo, con moitas faltas, imprecisións e escasas accións ofensivas.
A primeira ocasión do Alavés chegou pasado o minuto 40, nun disparo afastado de Munir que Costel Pantilimon desviou a saque de esquina.
Cando xa non había tempo para máis, Andone recibiu un balón en profundidade, virouse na área e cedeu ao bordo da mesma para a chegada desde atrás de Luisinho. O portugués conectou un zurdazo por baixo que Pacheco foi incapaz de rexeitar. O balón chegou ao fondo das mallas, converténdose no 1-0.
A segunda metade arrincou cos mesmos protagonistas e polos mesmos camiños, aínda que cun Dépor máis metido en campo contrario.
Pasado o minuto 80 o Dépor perdoou a sentenza, tras un contragolpe de libro conducido por Schär. Fede Valverde centrou por baixo ao segundo pau, onde Andone se lanzou ao chan a por todas pero só foi capaz de levar o coiro ao lateral exterior da rede.
O achegamento de maior perigo do Alavés foi nun balón longo que correu Rubén Sobrino, ao que foron Luisinho e Pantilimon e no que acabaron os tres en chan, co balón solto.
Escribe o teu comentario