O Goberno non garante que Santiago teña a UIP en outubro
As medidas pasivas de seguridade antiterrorista seguen activadas na capital e Noriega insiste na discreción.
A UIP é unha peza clave no reforzo policial.
Santiago de Compostela manterá as medidas pasivas de seguridade adoptadas tras os atentados de Barcelona e Cambrils e tras a alerta antiterrorista decretada polo Ministerio do Interior, mantendo elementos fixos e móbiles nas zonas de entrada ao centro histórico e a praza do Obradoiro.
Así o sinalou o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, en declaracións aos medios tras a reunión da xunta de seguridade local da cidade xunto co rexedor local, Martiño Noriega e o concelleiro Xan Duro, ademais de representantes policiais.
PRESENZA DA UIP EN OUTUBRO
Sobre este punto, avanzou que no marco da xunta local de seguridade se solicitou a permanencia en outubro da unidade de intervención policial (UIP), que mantén a súa presenza en Santiago desde o mes de xullo. Atán sinalou que se trata dunha cuestión "interna" da Policía Nacional e que "dependerá das prioridades" e as "necesidades".
A pesar diso, asegurou que a unidade de intervención está presente na Coruña e en Vigo e que podería estar "en calquera momento" nun concello "prioritario" como Santiago, tendo que conta que tamén contribúe a establecer as medidas de seguridade pasivas.
Atán non precisou se se van reforzar ou incrementar estas medidas, reiterando que o obxectivo é evitar a entrada de calquera elemento "estraño" ou vehículo a espazos concorridos.
Pola súa banda, Martiño Noriega apelou á "discreción" no traballo respecto destas medidas de seguridade, e agradeceu "o clima de colaboración" cos distintos corpos e a propia Delegación do Goberno, que é "permanente" desde o día dos atentados.
Escribe o teu comentario