Os acordos que puxeron fin á folga do 112 atopan trabas para cumprirse
Os traballadores denuncian que o xerente pon impedimentos, como "vinganza" polas reivindicacións laborais.
Juan José Muñoz, declarado 'persoa non grata'. Foto: xunta.gal
O comité do 112 denuncia os impedimentos que o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Juan José Muñoz, puxo para que se dea cumprimento en toda a súa extensión ao laudo arbitral co que finalizou a folga de preto de 90 días no 112. Xunto a isto denuncia as presións que padece o persoal desde o traslado á Estrada onde segue habendo problemas coa nova aplicación informática.
Desde a CIG explican que na primeira reunión na que ían ser negociados os horarios de 2018 "para dar cumprimento a un dos puntos establecidos no laudo" a empresa vetou a entrada do seu asesor, que estaba convocado, fora traballador do servizo e "integrante do equipo negociador do acordo que puxo fin á folga". Entenden este xesto pola "pretensión de vingarse do persoal".
PRESIÓNS
Os traballadores cargan contra o xerente, deunciando "presións" e "ordes que dificultan as vixilias nas quendas de noite", unha actitude que o comité asegura que "non é nova aínda que se endureceu logo da convocatoria de folga".
Así, acusan a Muñoz de actuar como "punta de lanza do proceso de desmantelamento e privatización da xestión pública das emerxencias capitaneado por Alfonso Rueda co obxectivo de seguir recortando servizos públicos esenciais".
PERSOA NON GRATA
Deste xeito, nunha asemblea acordaron por unanimidade nomear 'persoa non grata' a Juan José Muñoz: "pola súa hostilidade manifesta cara o cadro de persoal e polo seu papel protagonista tanto no proceso privatizador, como polos reiterados descoidos que se sucederon desde o seu nomeamento por causa, en boa medida, de absurdos protocolos que baixo a súa responsabilidade revelaron graves carencias na asignación de recursos para dar resposta ás emerxencias".
Ademais, reiteran as queixas sobra a aplicación informática, lembrando que aínda que "hai leves melloras, o groso dos problemas continúan". Revelan que ao longo deste verán "a central viuse desbordada con colas de chamadas inasumibles, cando o volume de incendios e de emerxencias asociadas á estación foron menores que nos pasados anos".
Escribe o teu comentario