A contaminación en Praia América afecta tamén a outro areal de Nigrán
A Xunta detecta un nivel elevado de bacterias fecais en Area Fofa. O acalde ve unha "persecución" contra o municipio.
Area Fofa, en Nigrán. Foto: turismo.gal
A Xunta detectou que o episodio de contaminación microbiolóxica que afecta desde o 9 de agosto á desembocadura do río Muíños, en Praia América (na localidade pontevedresa de Nigrán), afecta tamén á praia de Area Fofa.
Así as cousas, comunicou que as últimas mostras recollidas deron positivo na bacteria fecal Escherichia coli, cunha proporción superior á aceptable --'1700 NMP/100ml en Area Fofa e '2000 NMP/100ml na desembocadura do río Muíños--.
A Administración autonómica incidiu en que se se detecta un episodio de contaminación, os concellos están obrigados a comunicarllo á poboación con carteis informativos que prohiban ou recomenden absterse do baño de forma temporal --ata que finalice o episodio--.
O Concello de Nigrán e a Xunta estiveron cruzando acusacións debido a este episodio de contaminación microbiolóxica, a raíz de que a Administración autonómica abrise expediente sancionador á entidade local por "ocultar" a situación aos bañistas.
O alcalde, Juan González, tachou de "persecución" o enfrontamento co Goberno galego, ao que acusa de "mentir unha vez máis para danar a imaxe do municipio". Ademais apunta a "intereses políticos" do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que é coordinador comarcal do PP.
Escribe o teu comentario