O Dépor supera a cifra de socios da tempada pasada
Confírmanse os malos sinais sobre a lesión de Carles Gil, que pasará polo quirófano o luns en Porto para tratar a súa pubalxia.
Imaxe dun fondo de Riazor. Foto: RC Deportivo
O deportivismo continúa superando cifras. A última hora deste mércores, o Dépor superou a cifra de abonados coa que pechou a campaña do ano pasado. O número ascende a 26.592 socios.
Pero non todo podían ser boas noticias. O Deportivo confirma os peores presaxios sobre a lesión de Carles Gil. O valenciano, que parecía curado da pubalxia, recaeu esta pretemporada e terá que pasar polo quirófano o vindeiro luns en Porto. Levará a cabo a intervención o Dr. Carlos Magalhães, experto nesta patoloxía en fútbol e que colabora co FC Porto.
Á cifra de abonados referiuse Pedro Mosquera en sala de prensa. "O desta afección non é normal. Está co equipo para que se manteña en Primeira División e creo que moitos puntos dos que nos serviron para salvarnos os últimos anos, déronnolos eles", manifestou.
Sobre a competencia no centro do campo, declarou que "nunca sabes quen vai xogar titular. Si somos xogadores parecidos e imaxino que o míster dependendo do partido irá cambiando". De momento, isto non está a xerar problemas no vestiario. "O importante é que sexa unha competencia sa, poñerllo difícil ao míster pero adestrando ben, non desde as malas caras. Respírase moi bo ambiente", explicou.
E sobre Fede Valverde, recente estrela con Uruguai, destacou que "é novo pero que ten cousas moi boas e vaino demostrar, polo que lle vin ata agora é un xogadorazo".
Como non, tamén tivo que referirse á chegada de Lucas Pérez, do que dixo que "se está poñendo moi ben fisicamente, collendo máis chispa e transmitindo esa alegría ao vestiario que sempre vén ben".
Escribe o teu comentario